PFPP-Seminarios do profesorado

Plan de Formación Permanente do Profesorado: Introducíndonos na experimentación científica no CPI Plurilingüe de Navia de Suarna.

 

Profesorado participante: Anselmo Miranda García, Concepción Monteagudo López, Francisco Trashorras Lodos, Isabel Luna Fernández, José Manuel Prado Bernedo, Juana Dolores Villarnovo Rivas, María Belén Iglesias Pillado, María Jesús Mourín González, Rosalía Pérez Gómez. Coordinadora: Ilda Sarceda González.  

 
Os profes científicos do CPI Plurilingüe de Navia de Suarna


Nesta sección poñeremos os resumos dos seminarios pertencentes ao Plan de Formación Permanente do Profesorado (PFPP). Estes están destinados a: deseñar os experimentos, elaborar os materiais e formar ao profesorado para a correcta realización dos experimentos co alumnado no Club de Ciencia.

  

 

 Seminario 1:


Nesta sesión revisamos as etapas da metodoloxía científica, a partir do guión que se usará para a realización da primeira práctica: As cores das follas.

Así mesmo, preparouse ao profesorado para a realización do amentado experimento co alumnado. 
Neste, utilizarase a técnica denominada cromatografía en papel para separar, visualizar e identificar pigmentos fotosintéticos (clorofilas, xantofilas e carotenos) en follas de diferentes tonalidades do plátano de sombra.
 

Velaquí un resumo en imaxes da nosa primeira sesión de formación:


 

 

Seminario 2: 

 

Nesta sesión continuamos coa revisión das etapas da metodoloxía científica, a partir do guión que se usará para a realización da segunda práctica: E ti...Quen vés sendo?.

 
Así mesmo, preparouse ao profesorado para a realización do amentado experimento co alumnado. 
Neste elaborarase un indicador de pH natural, a partir de repolo morado, e utilizarase para determinar o pH en diferentes substancias de uso cotiá.

As responsables deste abano de cores son unhas moléculas presentes no repolo morado denominadas antocianinas.

Aquí vos deixamos un colorido vídeo da segunda sesión de formación:






Seminario 3:


Nesta ocasión contamos con Teresa de CIENCIA KIDS para ensinarnos novos experimentos e darnos, así, novas ideas coas que continuar esparexendo a ciencia no noso alumnado. Co seu bo facer, explicounos e realizamos os seguintes experimentos:
-Construción dunha maqueta para simular o acto de fumar e avaliar os efectos nocivos do tabaco.
-Análise da publicidade enganosa dos alimentos e das súas etiquetas. Determinación do amidón en distintos friames e do ferro en cereais.
-Construción dun robot e proba deste nun circuíto.

Neste vídeo tedes imaxes correspondentes á realización dos experimentos:
 


 

 

Seminario 4:


Esta sesión foi adicada á formación do profesorado para a realización de dous experimentos:
  • Experimento 3: Desenmascarando as cores (guión). O obxectivo é pescudar se diferentes tintas de rotuladores son cores primarias ou se, pola contra, se trata de mesturas homoxéneas de varias cores. Para isto, separamos e indentificamos os pigmentos presentes en tintas de diferentes cores utilizando a técnica denominada cromatografía.

  • Experimento 4: 21 xeradores de dióxido de carbono (guión). Neste experimento detectamos o dióxido de carbono que se produce no noso
    organismo como produto da obtención da enerxía celular; a través do proceso de respiración celular. Para isto, utilizamos aire expirado e un indicador de pH denominado fenolftaleína.





No seguinte vídeo tedes imaxes correspondentes a esta sesión de formación:






Seminario 5:


Nesta sesión, guiados por Teresa de CIENCIA KIDS, introducímonos na linguaxe de programación visual; xa que o seu uso co alumnado contribúe no desenvolvemento da intuición científica e potencia as súas habilidades de investigación e resolución de problemas. Así, utilizamos Snap4Arduino para elaborar un programa que, unha vez subido a unha placa Arduino, permitiunos simular un semáforo con tres LED conectados sobre unha placa protoboard.



Aquí vos deixamos unhas imaxes correspondentes a esta sesión:



































Seminario 6:


Co gallo do Día Internacional da Muller e a Nena na Ciencia (11 de febreiro); nesta sesión traballamos na preparación da seguinte práctica:

Rosalind Franklin (1920-1958)
- Experimento 5: A Química da vida (guión). 

Neste experimento, adicado á bioquímica Rosalind Franklin, extraemos e illamos o noso ADN, a partir dunha mostra de saliva, e o ADN dunha mazá, dun plátano e dun tomate. Para isto, utilizamos un tampón de lise preparado a partir de: auga, sal común, bicarbonato de sodio e deterxente lavalouza.




No seguinte vídeo podedes visualizar fotos desta reivindicativa sesión de xenética:






Seminario 7:

Nesta sesión traballamos nun experimento para celebrar o Día Mundial da Auga (22 de marzo) e, ademais, elaboramos uns materiais para usalos co alumnado no Club de Ciencia:

-Experimento 6: 3/4 partes de hache dous o (guión). Despois de lembrar a problemática actual que existe coa auga, como recurso non renovable,
realizamos unha electrólise para descompoñer unha pequena cantidade de auga nos seus compoñentes: os gases hidróxeno e osíxeno.


-Preparación dos materiais para o robot E-Waste:
Nesta sesión tamén comezamos coa montaxe dos robots E-Waste e coa elaboración do circuíto para os mesmos.



No seguinte vídeo podedes visualizar fotos desta laboriosa sesión:



Seminario 8:


No último seminario de formación con Teresa de CIENCIA KIDS realizamos os seguintes experimentos:

-"Cociñado" dun ovo con alcohol sanitario.



-Elaboración dun fluído non newtoniano con maicena.


-Efecto de diferentes catalizadores (lévedo, bicarbonato de sodio e ioduro de potasio) na descomposición da auga osixenada.




 Moitas grazas Teresa por toda a ciencia que nos ensinaches!


Aquí tedes máis imaxes e dous vídeos correspondentes á realización destes divertidos experimentos:










Seminario 9:

O último seminario de formación do PFPP foi realizado de maneira non presencial e a través de traballo individual; debido ao decreto do estado de alarma pola COVID-19.


Esta sesión de traballo individual realizouse, en parte, por videoconferencia a través da ferramenta Google Hangouts. A estrutura da mesma e as actividades realizadas foron as seguintes:

Estrutura:

1. Reparto do traballo (16-30h-17:00h). 
2. Realización das tarefas (17:00h-19:30h). 
3. Reunión para a avaliación do PFPP (19:30h- 20:30h).


Actividades realizadas

1. Organización das actividades a realizar por cada un dos membros do PFPP. 


2. Tarefas feitas: 

- Elaboración do guión do experimento 7 (Fágase a luz!), trala súa explicación. O obxectivo deste é prender un LED utilizando unha batería fabricada a partir de limóns, cravos galvanizados e moedas de céntimo.

- Montaxe dalgúns vídeos do Club de Ciencia e do PFPP.

- Actualización do blog de difusión das actividades do Club de Ciencia e do PFPP. 

- Avaliación do PFPP mediante videoconferencia. Tratáronse os puntos fortes, os aspectos de mellora e a incidencia no centro.

FIN!

E agora que chegamos á meta... Moitas grazas compañeiras e compañeiros por facer posible este PFPP!


Aproveito tamén para despedirme de vós desde este recuncho xa que, como sabedes, para o vindeiro curso marcho coa ciencia para outra parte.

O equipo do PFPP e fáltanme dous (Isa e Jose)


Despois de dous excelentes cursos aprendendo de vós, compañeiros e alumnado, despídome cunha enorme tristura e infinitamente agradecida por todo. Alá para onde vou terei moi presente o CPI Plurilingüe de Navia de Suarna, onde todo comezou para min nesta profesión, e tamén levo comigo un pouco de toda a súa xente. Espero deixar en vós un anaquiño de ciencia, que lembredes que o éxito está na perseveranza e que, como ben dixo Marie Curie, o camiño cara ao mesmo non é rápido nin sinxelo.

Infinitas grazas e ata sempre!


Ilda.



 


























































Ningún comentario:

Publicar un comentario