xoves, 14 de novembro de 2019

EXPERIMENTO 1: As cores das follas.

FUNDAMENTO TEÓRICO:  as plantas teñen nutrición autótrofa e, polo tanto, realizan a fotosíntese. Para que esta se produza resulta imprescindible a captación da enerxía solar; na cal están implicados unha serie de pigmentos fotosintéticos presentes nos cloroplastos do interior das células vexetais das follas. Aínda que a clorofila (verde) leva a fama, existen outros dous tipos de pigmentos que interveñen de moduladores na captación da radiación solar. Estes son as xantofilas (amarelas) e os carotenos (ocres). Unha maneira sinxela de separalos e visualizalos é a técnica coñecida como cromatografía en papel. Esta baséase en que as substancias a separar presentan un grao diferente de solubilidade no eluínte (fase móbil); o que permite a súa separación cando unha disolución das mesmas ascende por capilaridade a través dunha tira de papel poroso (fase estacionaria). Orixinaranse, polo tanto, distintas bandas de cores que estarán máis ou menos afastadas da base do papel: os pigmentos máis solubles no eluínte avanzarán máis (a maior velocidade), mentres que os menos solubles avanzarán menos (a menor velocidade) e veranse antes. Así mesmo, as bandas de cores terán diferente grosor en función de cal sexa a abundancia do pigmento na disolución.


Vocabulario traballado: cromatografía, eluínte, fase móbil, fase estacionaria, capilaridade, célula vexetal, cloroplasto, nutrición autótrofa, fotosíntese, mestura heteroxénea, mestura homoxénea, senescencia, pigmento, clorofila, xantofilas e carotenos.


Plátano de sombra
1.Preguntas: Por que a maioría das follas das árbores son de cor verde? Por que no outono as árbores de folla caduca presentan follas con tonalidades amarelas e marróns?



Hipóteses formuladas polo alumnado
  • As follas son de cor verde porque conteñen clorofila dentro dos cloroplastos.
  • As follas son de cor verde porque realizan a fotosíntese.
  • No outono aparecen tonalidades amarelas e marróns porque co frío e a falta de luz a clorofila deixa de producirse. Como consecuencia, non se pode realizar a fotosíntese e as follas sécanse.



2.Obxectivo: separar, visualizar e identificar os pigmentos fotosintéticos presentes en follas de diferentes tonalidades do plátano de sombra. Para isto utilizarase a técnica denominada cromatografía.



3.Materiais:
Materiais
  •  Follas de plátano de sombra de distintas tonalidades: verdes, amarelas e marróns.
  • Batedor eléctrico con accesorio para triturar.
  • Alcohol sanitario de 96º (30 mL).
    Resultado de imagen de pictograma inflamable
    Inflamable
  •  Bote de plástico para triturar.
  • Tesoira.
  • Lapis.
  • Regra.
  • Probeta.
  • Funil de vidro.
  • Papel de filtro.
  • Coador de rexilla.
  • Bote de cristal (cubeta cromatográfica). 

4.  Procedemento experimental:

1. Cortamos cunha tesoira anacos de folla, dunha determinada tonalidade, da árbore do plátano de sombra e inroducímolos no interior do bote de plástico para triturar.
2. Coa axuda dun funil de vidro, medimos 30 mL de alcohol sanitario (fase móbil) nunha probeta.
3. Botamos o alcohol sanitario no bote que contén os anacos de folla e, con coidado de non salpicarnos, trituramos as follas ata que o alcohol adquira cor. Obtemos unha mestura heteroxénea.
Aclaración: trituramos as follas coa finalidade de extraer os pigmentos que se atopan no interior dos cloroplastos das células vexetais. 
4. Filtramos a mestura obtida co coador de rexilla ao bote de cristal (cubeta cromatográfica). Quédanos unha disolución con cor (mestura homoxénea) que contén os pigmentos que imos separar.
5. Nun papel de filtro, coa axuda dun lapis e unha regra, medimos 6 cm de ancho e 15 cm de alto. Cortamos a tira cunha tesoira e dobrámola á metade pola parte máis longa.
6. Indroducimos a tira de papel de filtro dobrado no bote de cristal, que contén a disolución de pigmentos, e esperamos sobre cinco horas para retirala da cubeta e observar os resultados obtidos nos tres casos (folla verde, folla amarela e folla marrón).


5. Observacións e resultados:

En primeiro lugar observamos como ascende o alcohol polo papel de filtro mediante capilaridade. Ademais, nos casos das follas verdes e amarelas, ao cuarto de hora de iniciarse o experimento xa comezan a observarse as bandas de cor verde e amarela.
Ao cabo de 24 horas, estes foron os resultados:
  • Na folla verde visualizamos todos os pigmentos: clorofila a (verde clara) e clorofila b (verde escura), xantofilas e carotenos.
  • Na folla amarela aparecen: un só tipo de clorofila (probablemente a clorofila b), as xantofilas e os carotenos.
  • Na folla marrón só identificamos os carotenos. Esta non contén nin clorofilas nin xantofilas.


6. Conclusións:
  • Mediante a cromatografía en papel conseguimos separar os pigmentos fotosintéticos presentes nas follas de diferentes cores do plátano de sombra. Cada banda dunha determinada cor asociámola cun pigmento. Estes son: clorofila a (verde clara), clorofila b (verde escura), xantofilas (amarelas) e carotenos (ocres).

  • No outono (período de senescencia ou avellentamento das follas), ao diminuír as horas de luz e baixar a temperatura, a produción de clorofila descende (folla amarela) ata que se detén por completo (folla marrón). Esta diminución na síntese de clorofila apréciase claramente no experimento realizado: 
- Na folla verde identificamos dúas bandas pertencentes aos dous tipos de clorofila: clorofila a (verde clara) e clorofila b (verde escura).
- Na folla amarela só se observa un tipo de clorofila. Probablemente esta banda, fina e feble, sexa a da clorofila b.
- Na folla marrón non apreciamos ningunha banda correspondente ás clorofilas. Esta non contén clorofila.

  • As follas das árbores caducas adquiren a cor do pigmento fotosintético máis abundante nese momento: folla verde (clorofilas), folla amarela (xantofilas) e folla marrón (carotenos). 

  • As clorofilas a e b son pigmentos fotosintéticos imprescindibles para que as follas se manteñan con vida. Estas son os principais pigmentos responsables de captar a enerxía solar que as plantas precisan para sintetizar o seu alimento (nutrición autótrofa) mediante o proceso denominado fotosíntese: transformación de compostos inorgánicos (sales minerais, dióxido de carbono e auga) en azucres sinxelos a partir da enerxía solar.

  •  As xantofilas e os carotenos tamén son importantes no proceso de fotosíntese: actúan de moduladores na captación da radiación solar por parte das clorofilas. Porén, sen a presenza das clorofilas estes pigmentos non abondan para que as células vexetais das follas capten a enerxía solar e, polo tanto, produzan os nutrientes que lles permiten manterse con vida. Se as clorofilas non están presentes nas follas en cantidade suficiente, estas terminan secándose (follas marróns) e despréndese da árbore.

venres, 1 de novembro de 2019

Experimentos de Samaín




 O Club de Ciencia sumouse á celebración do Samaín. Velaquí vídeos e imaxes sobre a preparación dos experimentos que o alumnado realizou no laboratorio:


 Experimento 1: Vómito de cabaza



 Experimento 2: Fogos fatuos



 Experimento 3: Lámpada de sangue