xoves, 26 de marzo de 2020

Zoe e o "misterio" da maicena


A Ciencia non se detén nesta época de corentena e o Club de Ciencia tampouco; xa que afortunadamente existen moitas cabeciñas pensantes nos nosos fogares con ganas de ensinar o que descubren.



Hoxe preséntovos a Zoe; unha minicientífica moi curiosa que, coa axuda da súa nai, nos vai amosar un experimento con maicena e co que comprenderemos o funcionamento dos chalecos antibalas.


Aquí as tedes nestes dous vídeos:







Quédanos moi clariño que a maicena, ao mesturala cun pouco de auga, forma un fluído non newtoniano......complicado nome! :)

Un fluído non newtoniano é  aquel que non ten unha viscosidade definida. Como ben nos explica e nos desmostra Zoe, compórtase coma un sólido cando se lle aplica unha presión e coma un líquido cando esta non existe.  

Por iso, estes fluídos poden usarse para fabricar chalecos antibalas: son capaces de absorber a enerxía do impacto dun proxectil a alta velocidade pero permanecen flexibles se non hai impacto.

E como boa científica, transmitiu a súa paixón pola ciencia entre os seus compañeiros de clase. Aquí tedes unhas fotos das compañeiras e compañeiros de Zoe mentres experimentan coa maicena:

 














Moitas grazas a Zoe e aos seus compañeiros por ensinarnos este experimento tan curioso e por compartilo connosco!


domingo, 22 de marzo de 2020

Día Mundial da Auga (22 de marzo)

Día Mundial da Auga 

 

"Os nosos corpos, as nosas cidades e as nosas industrias, a nosa agricultura e os nosos ecosistemas dependen dela. A auga é un dereito humano; a ninguén se lle debe negar o acceso a ela". —António Guterres, Secretario Xeral das Nacións Unidas.
Blue Marble (NASA, 2017)

O Día Mundial da Agua, que se celebra o domingo 22 de marzo, pretende chamar a atención sobre a importancia da auga doce e a xestión sustentable deste recurso.
O 75% da superficie da Terra está cuberta de auga; porén tan só o 3% é doce. A auga doce é, polo tanto, un ben escaso e necesario para a existencia e o desenvolvemento da vida no planeta.
En 2010, as Nacións Unidas recoñeceron que “o dereito á agua potable e o saneamento é un dereito humano esencial para o pleno goce da vida e de todos os dereitos humanos".
Non cabe dúbida de que os recursos hídricos xogan un papel clave na redución da pobreza, no crecemento económico e na sostibilidade ambiental. A auga propicia o benestar da poboación, o crecemento inclusivo e ten un impacto positivo na vida de miles de millóns de persoas; ao incidir en cuestións que afectan á seguridade alimentaria e enerxética, á saúde humana e ao medio ambiente.

Porén, existen moitos problemas relacionados coa auga. Algúns deles son os que se enumeran a continuación:

  • Na actualidade máis de 663 millóns de persoas viven sen subministración de agua potable cerca do seu fogar.
  • Mundialmente, máis do 80% das augas residuais que xeramos volven aos ecosistemas sen ser tratadas. 
  • 1.800 millóns de persoas usan unha fonte de auga contaminada por residuos fecais; o que supón un gran risco de contraer enfermidades como o cólera ou o tifo.
  • Unha gran parte dos recursos hídricos do noso planeta atópase contaminada por plástico
  • A agua non potable e unhas pobres infraestruturas sanitarias, así como a falta de hixiene, causa arredor de 842.000 mortes ao ano

Coidemos o noso planeta: non malgastes nin contamines a auga!
  

 Lemon: unha curtametraxe da Fundación Reina Sofía


Velaquí imaxes dos traballos feitos polo alumnado de Bioloxía e Xeoloxía de 1º ESO para celebrar este día:

Reutilizar a auga da chuvia para regar as plantas (Laura Díaz Monteagudo)
Contaminación da auga debido ao uso de herbicidas (Miguel López Rosón)
Lixo no mar (Lorena Fernández Marcos)


A PCR na detección do virus SARS- Cov-2

As probas que se están a utilizar para detectar o virus SARS-Cov-2, que causa a doenza coñecida como COVID-19, consiste en catro pasos: tomar unha mostra humana, converter o ARN do virus en ADN, multiplicalo na máquina de PCR (reacción en cadea da polimerase) e logo detectalo por fluorescencia:


domingo, 15 de marzo de 2020

Loita con xabón contra a COVID-19: non esquezas lavar as mans a miúdo!



O experimento galego que demostra a eficacia do xel hidroalcólico: neste artigo de GCiencia o investigador José Tubío da USC explícanos como funciona o xel hidroalcólico e podemos consultar unha listaxe dos máis eficaces segundo a Axencia do Medicamento.

venres, 13 de marzo de 2020

Ponlle freo á COVID-19. Ten sentidiño!



Que é a COVID-19? Preme neste enlace onde atoparás unha información moi detallada sobre a doenza que, de maneira temporal e indefinida, nos quitou a liberdade.

A orixe da doenza COVID-19 é unha zoonose, é dicir, o virus SARS-Cov-2 non foi creado nun laboratorio senón que foi transmitido desde un animal até o ser humano. A transmisión pode suceder a través do contacto físico directo, a través do aire ou a auga, ou mediante un hóspede intermedio. Con frecuencia estes patóxenos zoonóticos non afectan aos animais nos que residen, pero poden representar un risco enorme para os humanos que non teñen inmunidade natural contra eles. Así nolo explican neste artigo de GCiencia.

Pero, que é realmente un virus? O certo é que na actualidade o debate científico está aberto sobre se os virus son, ou non, seres vivos. A comunidade científica discute sobre a verdadeira natureza dos virus coma entes biolóxicos con características moi especiais. Aquí vos deixo un enlace ao artigo de GCiencia onde se trata esta temática e, outro, a un vídeo onde se explica como o coronavirus se multiplica no interior das nosas células.

Nestrouto vídeo podedes ver o que acontece no noso organismo cando nos infectamos co SARS-CoV-2. Está en inglés, pero paga a pena velo!

Unha moi boa e esperanzadora noticia é que, a día de hoxe, xa hai 70 posibles candidatos a vacinas contra o SARS-CoV-2 en investigación no mundo; dos cales tres xa están en ensaios clínicos en humanos. Aquí vos deixo o enlace ao artigo de GCiencia.

Nesta días a ciencia segue desmontando os falsos rumores que circulan polas redes sociais e que mesmo aparecen en discursos políticos. A comunidade científica insiste: o SARS-CoV-2 non foi creado nun laboratorio nin tampouco saíu dun centro de investigación. A explicación aquí. Así mesmo, subliñan que en tanto non dispoñamos dunha vacina, as "armas" cas que contamos contra a pandemia actual son moi parecidas ás que tiñamos no ano 1918; no cal España se viu tremendamente afectada pola chamada gripe española. Máis información neste enlace.

Unha ducia de expertos virólogos analizan neste artigo de The conversation España o que se sabe, e o que aínda non, do impacto do coronavirus no mundo (taxa de letalidade, niveis de infección, vacinas e fármacos, etc). Botádelle un ollo! 

Un estudo publicado no "European Heart Journal" apunta a que a maior presenza nos homes do encima ACE2, que axuda ao SARS-CoV-2 a entrar nas células sas, podería explicar a maior letalidade do virus no sexo masculino. Neste enlace tedes máis información sobre o achado. 

Nalgúns casos de COVID-19, unha "reacción excesiva" do sistema inmune complica moito a evolución dos pacientes. Por que e como acontece isto? Explícannolo neste artigo de The Conversation España.

A primeira vacina experimental contra a COVID-19 xera inmunidade: unha protección contra o SARS-CoV-2 tan forte como a dos pacientes que superaron a enfermidade. Así anuncia a compañía Moderna os primeiros resultados da vacina experimental que desenvolve; baseada nunha nova tecnoloxía do ARN. Xa ten permiso para o ensaio masivo con milleiros de persoas. Máis información neste enlace.

Por outra banda, a vacina chinesa é segura e xera anticorpos nos voluntarios da fase 1. Malia estes resultados prometedores, os investigadores do Instituto de Biotecnoloxía de Pequín advirten que aínda queda un longo camiño. Máis información aquí.

Luz ultravioleta para desinfectar materiais e lugares de traballo. A empresa pontevedresa SETGA desenvolve o proxecto STERIONICS, con financiación da GAIN Axencia galega de innovación. Preme aquí para ler máis sobre este proxecto galego.

Os científicos Antonio Salas e Federico Martinón, da USC e o IDIS, lideran unha investigación nun artigo "preprint" que presenta as primeiras evidencias desde o punto de vista xenómico dos supercontaxiadores da COVID-19. Poderían estar detrás de entre un terzo e a metade do total dos casos no mundo. Máis detalles neste enlace.

Neste vídeo podedes ver un modelo en 3D do virus SARS-CoV-2, cunha resolución atómica, moi detallado e exacto desde o punto de vista científico.

A desinfección contra o coronavirus chega polo aire. Tecnoloxía aeroespacial para desinfectar amplos espazos públicos contra o virus. Investigadores da Universidade de Vigo lanzan un proxecto para empregar drons en parques, estadios e grandes áreas recreativas, que xa conta con financiación da GAIN Axencia galega de innovación. Máis destalles nesta reportaxe de GCiencia.
 
A cloroquina, un dos fármacos dos que máis se falou nestes meses, perde forza no tratamento da COVID-19. A maior análise realizada, con case 100.000 pacientes, revela un maior risco de morte debido a complicacións cardíacas polos seus efectos secundarios. Máis información neste enlace.

O coronavirus e a calor: precaución ante a falta de evidencias. Circula desde hai tempo a idea de que o SARS-CoV-2 sucumbirá no verán. Pero hai evidencia suficiente ao respecto? Os científicos apuntan máis cara ao factor humano e social (menos actividades en espazos pechados, grandes nodos de comunicación, etc.) para explicar os distintos impactos da pandemia. Le máis sobre isto nesta reportaxe de GCiencia.

Unha proba molecular feita en Lugo podería detectar o SARS-CoV-2 en media hora. A empresa AMSlab traballa nunha proba rápida que pode detectar o coronavirus en apenas 30 minutos mediante unha sinxela análise. É un dos proxectos apoiados pola GAIN Axencia galega de innovación na súa liña de financiamento fronte á COVID-19. Máis información premendo neste enlace.

O coronavirus non perdeu forza nin é menos contaxioso ou virulento. O científico vigués Antonio Figueras, do Instituto de Investigacións Mariñas- CSIC, explica e desmonta neste artigo de GCiencia o falso anuncio dun médico italiano que recibiu a condena mundial da comunidade investigadora.

A COVID-19 en España: un prudente optimismo. Con todas as precaucións que deberán manterse, hai razóns para confiar en que os rebrotes non sexan tan virulentos como a primeira onda. Explícao a científica do CSIC Ester Lázaro neste artigo de The Conversation España

Dexametasona: prudencia ante a última gran esperanza contra o SARS-CoV-2. A Universidade de Oxford anunciou este mércores que un ensaio clínico en máis de 11.000 persoas constata que a dexametasona evita parte das mortes en pacientes graves de COVID-19. Porén, a comunidade científica mantense prudente á espera de máis detalles. Máis información neste enlace de GCiencia.

Un test da COVID-19 baseado na detección de vida extraterrestre. O CiMUS da USC colabora nun proxecto do CSIC que adapta un método usado na procura de vida en ambientes extremos para detectar o SARS-CoV-2. Máis detalles nesta ligazón.

Descobren variantes xenéticas que poden agravar a COVID-19. Unha colaboración internacional, que analizou a máis de 1.600 enfermos, expón que as características de cada persoa en determinadas rexións do xenoma poden estar relacionadas coas formas graves de COVID-19. Para máis información, preme nesta ligazón

Por que se perde o olfacto e o gusto ao padecer a COVID-19? Neste interesante artigo de GCiencia explícannos os mecanismos mediante os que o SARS-CoV-2 pode afectar aos tecidos olfactivos e gustativos durante a infección.

O coronavirus actúa como unha enfermidade de transmisión sexual: O particular equilibrio que está a amosar o SARS-CoV-2 entre a súa transmisibilidade e o dano que causa nas persoas infectadas establece semellanzas, segundo os autores, con algunhas ETS. Explícano neste texto de The Conversation España.

luns, 2 de marzo de 2020

EXPERIMENTO 6: 3/4 partes de hache dous o

 Día Mundial da Auga


"Os nosos corpos, as nosas cidades e as nosas industrias, a nosa agricultura e os nosos ecosistemas dependen dela. A auga é un dereito humano; a ninguén se lle debe negar o acceso a ela". —António Guterres, Secretario Xeral das Nacións Unidas.
Blue Marble (NASA, 2017)

O Día Mundial da Agua, que se celebra o domingo 22 de marzo, pretende chamar a atención sobre a importancia da auga doce e a xestión sustentable deste recurso.
O 75% da superficie da Terra está cuberta de auga; porén tan só o 3% é doce. A auga doce é, polo tanto, un ben escaso e necesario para a existencia e o desenvolvemento da vida no planeta.
En 2010, as Nacións Unidas recoñeceron que “o dereito á agua potable e o saneamento é un dereito humano esencial para o pleno goce da vida e de todos os dereitos humanos".
Non cabe dúbida de que os recursos hídricos xogan un papel clave na redución da pobreza, no crecemento económico e na sostibilidade ambiental. A auga propicia o benestar da poboación, o crecemento inclusivo e ten un impacto positivo na vida de miles de millóns de persoas; ao incidir en cuestións que afectan á seguridade alimentaria e enerxética, á saúde humana e ao medio ambiente.
Porén, existen moitos problemas relacionados coa auga. Algúns deles son os que se enumeran a continuación:

  • Na actualidade máis de 663 millóns de persoas viven sen subministración de agua potable cerca do seu fogar.
  • Mundialmente, máis do 80% das augas residuais que xeramos volven aos ecosistemas sen ser tratadas. 
  • 1.800 millóns de persoas usan unha fonte de auga contaminada por residuos fecais; o que supón un gran risco de contraer enfermidades como o cólera ou o tifo.
  • Unha gran parte dos recursos hídricos do noso planeta atópase contaminada por plástico
  • A agua non potable e unhas pobres infraestruturas sanitarias, así como a falta de hixiene, causa arredor de 842.000 mortes ao ano

FUNDAMENTO TEÓRICO: 

 Como é a auga desde o punto de vista químico e cales son as súas propiedades?

A auga é un composto químico: unha molécula formada por dous átomos de hidróxeno (H) e un de osíxeno (O); polo que a súa fórmula é H2O.
É insípida (non ten sabor), inodora (non ten sabor) e incolora (non ten color, pero se se concentra en grandes masas verémola azul).

Crese que foi na auga onde puido xurdir a vida, forma parte de todos os seres vivos e sen ela non podemos manternos con vida.

A importancia da auga para a vida radica nas súas propiedades físicas e químicas: 

- Densidade: cando se atopa en estado sólido (xeo) é menos densa que en estado líquido. Esta característica ten implicacións moi relevantes para a conservación da vida en rexións frías. O xeo de mares e lagos forma unha capa superficial sobre a que se mantén a auga líquida permitindo que a vida acuática se poida sustentar.

- Mantense en estado líquido nunha ampla marxe de temperaturas, entre os 0 ºC e os 100 ºC.

- Para que a temperatura da auga suba é necesario subministrarlle moita enerxía. Do mesmo modo, para que a temperatura baixe é necesario que perda moita enerxía. Esta propiedade ten unha grande influencia sobre o clima: os océanos tardan máis tempo en arrefriarse ou quentarse que a superficie da Terra de modo que poden moderar os cambios de temperatura. Analogamente, nos seres vivos a auga do organismo amortece o efecto dos cambios bruscos de temperatura. 

- A auga pode conducir a corrente eléctrica a través dos ións disoltos nela. Así, canto maior sexa o número de ións disoltos maior será a condutividade eléctrica, é dicir, maior será a súa capacidade para transmitir electricidade. Polo tanto a auga de mar terá unha maior condutividade eléctrica que a auga dun río.

- As moléculas de auga atráense entre si (cohesión) e tamén sofren forzas de atracción con outro tipos de moléculas (adhesión). Estas propiedades fan, por exemplo, que sobre a auga líquida se poidan mover insectos ou que a auga poida desprazarse polos minúsculos espazos do solo ata as raíces e logo ascender polos vasos leñosos da planta.

- A auga líquida pode disolver unha ampla gama de substancias polo que é coñecida como disolvente universal. Algunhas desas substancias son necesarias para os seres vivos, por exemplo, os sales minerais e gases como o osíxeno ou o dióxido de carbono.

- Ademais de todo isto, polo feito de ser un composto, é posible transformala en H2 e O2 mediante unha electrólise; que é unha reacción química de descomposición provocada polo paso dunha corrente eléctrica a través dela:


2 H2O → 2 H2 + O2



Vocabulario traballado: composto, molécula, electrólise, ión,  condutividade eléctrica, corrente eléctrica, ánodo, cátodo, oxidación, redución, grafito, cuba electrolítica.



1. Responde ás seguintes cuestións: a) Cando dicimos: “hache dous o”; a que molécula nos referimos?, b) Cal é a fórmula química da molécula anterior? Que elementos e en que proporción forman esta molécula?, c) É importante esta molécula? Por que?, d) Que problemática temos hoxe en día con ela?, e) Observa os materiais que tes na mesa. Cres que é posible descompoñela con eses materiais? Pensa como sería a montaxe experimental que debemos realizar e que substancias obteriamos como resultado da súa descomposición.


Hipóteses formuladas polo alumnado


  • A maioría do alumnado recoñece a molécula de auga e a súa fórmula; aínda que no curso no que se atopa non vise as normas de formulación e nomenclatura inorgánica. Así mesmo, identifican o hidróxeno coa H e o osíxeno coa O e indican que unha molécula de auga ten o dobre do primeiro ca do segundo.

  • Do mesmo xeito, coñecen a importancia da auga e destacan que sen ela non poderiamos vivir nin ter unha hixiene axeitada.

  • Sobre a problemática actual da auga, sinalan: a contaminación (sobre todo por plástico) e que non todos os seres humanos temos o mesmo acceso á auga potable debido á distribución desigual desta no planeta.

  • Despois de observar os materiais que teñen na mesa




2. Obxectivo: Descompoñer unha pequena cantidade de auga e visualizar os produtos obtidos. Para isto, realizaremos unha electrólise utilizando materiais sinxelos.


  3. Materiais:


  • Frasco de cristal.
  • Pila rectangular de 9V.
  • Un anaco de cartón.
  • 1 tesoira.
  • Sal común.
  • 1 culler sopeira.
  • Probeta de 250 mL.
  • Auga.
  • 2 lapis.
  • 1 afialapis.

 


4. Procedemento experimental:


1.  Co afialapis, aguzamos os dous lapis por os dous lados.


2. Medimos 200 mL de auga coa probeta e botámola no frasco de vidro.


3. Sobre a auga, botamos unha culler sopeira de sal común e disolvémolo completamente. 
Aclaración: os ións que quedan libres ao disolverse o sal, melloran a condutividade eléctrica da auga.

4. Cortamos un rectángulo pequeno de cartón e facemos dous furados coa tesoira nos que
introducimos os lapis. O rectángulo feito debe suxeitarse sobre o frasco de vidro (coma se fose unha tapa) e a distancia entre os dous furados ten que ser a mesma que entre os polos da pila. O tamaño dos furados debe permitir introducir os lapis, pero tamén que estes queden suxeitos neles.


5. Colocamos o soporte de cartón cos lapis sobre o frasco de maneira que as puntas inferiores dos dous lapis queden ben introducidas na auga salgada. 

 6. Por último poñemos a pila, pola parte dos polos, sobre as puntas superiores dos dous lapis e premémola moi suavemente contra estas. Sen deixar de premer observamos a través do cristal a ver que pasa.

 


 
5. Observacións e resultados:




  • Ao premer suavemente os polos da pila, contra as puntas afiadas da parte superior dos dous lapis, observamos a aparición de burbullas arredor das puntas inferiores que están somerxidas na auga salgada.

  • A cantidade de burbullas xeradas é maior arredor da punta somerxida do lapis conectado ao polo negativo da pila (cátodo).
  • Notamos, tamén, un cheiro irritante e forte igual ao da auga clorada.



     
    6. Conclusións:


    •  A montaxe experimental realizada corresponde á seguinte cela electrolítica:



    • O grafito dos lapis é condutor e, polo tanto, ao poñelo en contacto cos polos da pila, prodúcese unha diferenza de potencial que provoca o paso de corrente eléctrica (fluxo de electróns) a través da auga salgada. 

    • Os dous lapis de grafito son os eléctrodos da cela electrolítica: 
             - O lapis da esquerda é o eléctrodo positivo ou ánodo.
             - O lapis da dereita é o eléctrodo negativo ou cátodo.

    • A nivel de eléctrodos, a diferenza de potencial existente xera unha electrólise. Neste caso prodúcese a descomposición da auga; a cal observamos ao formarse burbullas de gas arredor das puntas somerxidas dos dous lapis:
      - No lapis da esquerda (ánodo +): as moléculas de auga experimentan unha reacción de oxidación que produce o gas osíxeno.
      - No lapis da dereita (cátodo -): as moléculas de auga experimentan unha reacción de redución que produce o gas hidróxeno.


    • O gas máis abundante é o hidróxeno (producido no cátodo) e o que se produce en menor cantidade o osíxeno (producido no ánodo); debido a que a reacción axustada da descomposición da auga é a seguinte:
    2 H2O → 2 H2 + O2

    Como se pode observar nesta ecuación xérase o dobre de gas hidróxeno ca de gas osíxeno.


    • O cheiro irritante e forte é debido ao gas cloro; o cal tamén se forma no ánodo a partir dos ións cloruro do sal. A reacción secundaria de oxidación que se produce é a seguinte:


      2 Cl2 eCl2 (gas)