venres, 13 de marzo de 2020

Ponlle freo á COVID-19. Ten sentidiño!



Que é a COVID-19? Preme neste enlace onde atoparás unha información moi detallada sobre a doenza que, de maneira temporal e indefinida, nos quitou a liberdade.

A orixe da doenza COVID-19 é unha zoonose, é dicir, o virus SARS-Cov-2 non foi creado nun laboratorio senón que foi transmitido desde un animal até o ser humano. A transmisión pode suceder a través do contacto físico directo, a través do aire ou a auga, ou mediante un hóspede intermedio. Con frecuencia estes patóxenos zoonóticos non afectan aos animais nos que residen, pero poden representar un risco enorme para os humanos que non teñen inmunidade natural contra eles. Así nolo explican neste artigo de GCiencia.

Pero, que é realmente un virus? O certo é que na actualidade o debate científico está aberto sobre se os virus son, ou non, seres vivos. A comunidade científica discute sobre a verdadeira natureza dos virus coma entes biolóxicos con características moi especiais. Aquí vos deixo un enlace ao artigo de GCiencia onde se trata esta temática e, outro, a un vídeo onde se explica como o coronavirus se multiplica no interior das nosas células.

Nestrouto vídeo podedes ver o que acontece no noso organismo cando nos infectamos co SARS-CoV-2. Está en inglés, pero paga a pena velo!

Unha moi boa e esperanzadora noticia é que, a día de hoxe, xa hai 70 posibles candidatos a vacinas contra o SARS-CoV-2 en investigación no mundo; dos cales tres xa están en ensaios clínicos en humanos. Aquí vos deixo o enlace ao artigo de GCiencia.

Nesta días a ciencia segue desmontando os falsos rumores que circulan polas redes sociais e que mesmo aparecen en discursos políticos. A comunidade científica insiste: o SARS-CoV-2 non foi creado nun laboratorio nin tampouco saíu dun centro de investigación. A explicación aquí. Así mesmo, subliñan que en tanto non dispoñamos dunha vacina, as "armas" cas que contamos contra a pandemia actual son moi parecidas ás que tiñamos no ano 1918; no cal España se viu tremendamente afectada pola chamada gripe española. Máis información neste enlace.

Unha ducia de expertos virólogos analizan neste artigo de The conversation España o que se sabe, e o que aínda non, do impacto do coronavirus no mundo (taxa de letalidade, niveis de infección, vacinas e fármacos, etc). Botádelle un ollo! 

Un estudo publicado no "European Heart Journal" apunta a que a maior presenza nos homes do encima ACE2, que axuda ao SARS-CoV-2 a entrar nas células sas, podería explicar a maior letalidade do virus no sexo masculino. Neste enlace tedes máis información sobre o achado. 

Nalgúns casos de COVID-19, unha "reacción excesiva" do sistema inmune complica moito a evolución dos pacientes. Por que e como acontece isto? Explícannolo neste artigo de The Conversation España.

A primeira vacina experimental contra a COVID-19 xera inmunidade: unha protección contra o SARS-CoV-2 tan forte como a dos pacientes que superaron a enfermidade. Así anuncia a compañía Moderna os primeiros resultados da vacina experimental que desenvolve; baseada nunha nova tecnoloxía do ARN. Xa ten permiso para o ensaio masivo con milleiros de persoas. Máis información neste enlace.

Por outra banda, a vacina chinesa é segura e xera anticorpos nos voluntarios da fase 1. Malia estes resultados prometedores, os investigadores do Instituto de Biotecnoloxía de Pequín advirten que aínda queda un longo camiño. Máis información aquí.

Luz ultravioleta para desinfectar materiais e lugares de traballo. A empresa pontevedresa SETGA desenvolve o proxecto STERIONICS, con financiación da GAIN Axencia galega de innovación. Preme aquí para ler máis sobre este proxecto galego.

Os científicos Antonio Salas e Federico Martinón, da USC e o IDIS, lideran unha investigación nun artigo "preprint" que presenta as primeiras evidencias desde o punto de vista xenómico dos supercontaxiadores da COVID-19. Poderían estar detrás de entre un terzo e a metade do total dos casos no mundo. Máis detalles neste enlace.

Neste vídeo podedes ver un modelo en 3D do virus SARS-CoV-2, cunha resolución atómica, moi detallado e exacto desde o punto de vista científico.

A desinfección contra o coronavirus chega polo aire. Tecnoloxía aeroespacial para desinfectar amplos espazos públicos contra o virus. Investigadores da Universidade de Vigo lanzan un proxecto para empregar drons en parques, estadios e grandes áreas recreativas, que xa conta con financiación da GAIN Axencia galega de innovación. Máis destalles nesta reportaxe de GCiencia.
 
A cloroquina, un dos fármacos dos que máis se falou nestes meses, perde forza no tratamento da COVID-19. A maior análise realizada, con case 100.000 pacientes, revela un maior risco de morte debido a complicacións cardíacas polos seus efectos secundarios. Máis información neste enlace.

O coronavirus e a calor: precaución ante a falta de evidencias. Circula desde hai tempo a idea de que o SARS-CoV-2 sucumbirá no verán. Pero hai evidencia suficiente ao respecto? Os científicos apuntan máis cara ao factor humano e social (menos actividades en espazos pechados, grandes nodos de comunicación, etc.) para explicar os distintos impactos da pandemia. Le máis sobre isto nesta reportaxe de GCiencia.

Unha proba molecular feita en Lugo podería detectar o SARS-CoV-2 en media hora. A empresa AMSlab traballa nunha proba rápida que pode detectar o coronavirus en apenas 30 minutos mediante unha sinxela análise. É un dos proxectos apoiados pola GAIN Axencia galega de innovación na súa liña de financiamento fronte á COVID-19. Máis información premendo neste enlace.

O coronavirus non perdeu forza nin é menos contaxioso ou virulento. O científico vigués Antonio Figueras, do Instituto de Investigacións Mariñas- CSIC, explica e desmonta neste artigo de GCiencia o falso anuncio dun médico italiano que recibiu a condena mundial da comunidade investigadora.

A COVID-19 en España: un prudente optimismo. Con todas as precaucións que deberán manterse, hai razóns para confiar en que os rebrotes non sexan tan virulentos como a primeira onda. Explícao a científica do CSIC Ester Lázaro neste artigo de The Conversation España

Dexametasona: prudencia ante a última gran esperanza contra o SARS-CoV-2. A Universidade de Oxford anunciou este mércores que un ensaio clínico en máis de 11.000 persoas constata que a dexametasona evita parte das mortes en pacientes graves de COVID-19. Porén, a comunidade científica mantense prudente á espera de máis detalles. Máis información neste enlace de GCiencia.

Un test da COVID-19 baseado na detección de vida extraterrestre. O CiMUS da USC colabora nun proxecto do CSIC que adapta un método usado na procura de vida en ambientes extremos para detectar o SARS-CoV-2. Máis detalles nesta ligazón.

Descobren variantes xenéticas que poden agravar a COVID-19. Unha colaboración internacional, que analizou a máis de 1.600 enfermos, expón que as características de cada persoa en determinadas rexións do xenoma poden estar relacionadas coas formas graves de COVID-19. Para máis información, preme nesta ligazón

Por que se perde o olfacto e o gusto ao padecer a COVID-19? Neste interesante artigo de GCiencia explícannos os mecanismos mediante os que o SARS-CoV-2 pode afectar aos tecidos olfactivos e gustativos durante a infección.

O coronavirus actúa como unha enfermidade de transmisión sexual: O particular equilibrio que está a amosar o SARS-CoV-2 entre a súa transmisibilidade e o dano que causa nas persoas infectadas establece semellanzas, segundo os autores, con algunhas ETS. Explícano neste texto de The Conversation España.

Ningún comentario:

Publicar un comentario